Charca do Alligal
Situada na parroquia de Codesido, a Charca do Alligal é unha afamada poza de augas termais convertida en piscina que se empraza nun belo enclave natural rodeado de bidueiros.
A primeira piscina data do ano 1930, construída en pedra e cunhas dimensións moito máis reducidas que as que ten agora. Actualmente, é unha balsa circular de formigón, duns trinta metros de diámetro.
Do seu chan de area brotan diferentes ollos do manancial, perceptibles polas burbullas que se ven ascender. A temperatura media anual das súas augas alcanza os 23º C, manténdose estables durante todo o ano.
A fama das súas augas estendeuse debido á tradición e a numerosas lendas relacionadas coas propiedades curativas e o poder milagroso das súas augas. Por esta razón, a maioría dos bañistas que acoden á charca buscan nela un remedio ás súas doenzas; especialmente as relacionadas con problemas reumáticos (artrose, artrite, tendinite…) e afeccións crónicas da pel (psoriase, dermatite atópica, eccema,etc.). Na zona existe o costume de adoptar un calendario de baños de sete a once días coa crenza de obter, así, unha maior efectividade.
A charca dispón de fonte, un amplo aparcamento e, durante a tempada de verán, tamén se abren ao público os seus vestiarios, aseos e bar. Todo o espazo xestiónao integramente a comunidade veciñal da parroquia de Codesido.
Nas inmediacións desta paraxe sitúase un hotel-spa, aberto no ano 2006, que aspira a converterse en balneario.
Aínda que á charca vai xente durante todo o ano, principalmente as fins de semana, é no verán cando se produce unha maior afluencia; converténdose a charca nunha das piscinas máis concorridas da zona.
Cómo chegar
A Charca atópase na parroquia de Codesido, colindando coa de Santaballa.
Saíndo de Vilalba pola LU-861 cara a Ferrol, deixando atrás o río Madalena e a súa praia fluvial, a aproximadamente 8 km. atópase o cruzamento que nos desvía a man esquerda para a charca. A un quilómetro e medio do cruzamento atópase a piscina termal.