Monte Monseivane

Mirador

O traxecto que leva de San Simón a Muras permite acceder ao monte Monseivane que, con 929 metros de altitude, é o pico máis alto da Serra da Carba, conxunto montañoso onde se integra.

As súas características convérteno nun excelente miradoiro natural no que gozar dunha estupenda panorámica da planicie que conforma A Terra Chá.

En días despexados, lograremos avistar dende alí con facilidade algunha das localidades máis próximas (Vilalba, Cospeito e As Pontes) cuxa dirección se indica nun sinxelo gravado realizado na pedra do propio miradoiro.

Ao abrigo desta elevación habitan vacas e cabalos salvaxes, protagonistas dos famosos curros que se realizan na época de rapa das bestas para liberar de pelo e marcar aos animais.

Cómo chegar

Pódese acceder pola LU- 6502 dirección Lanzós e San Simón seguindo o Roteiro do Monseivane, ou ben ir directamente por Corbelle collendo a LU- 6505.

O último tramo de acceso ao Monseivane realízase por unha pista forestal, polo que é aconsellable conducir con gran precaución. Se se observa que o terreo está húmido ou en malas condicións recoméndase acceder a pé.

Na serra, os cabalos e as vacas campan libres e non deben ser molestados. É habitual que éstes crucen as estradas, polo que debemos conducir amodo e con prudencia.