Gastronomía

QUEIXO D.O.P. SAN SIMÓN DA COSTA

O queixo San Simón da Costa, con Denominación de Orixe Protexida (D.O.P.), elabórase artesanalmente con leite de vaca, procedente de vacas das razas rubia galega, pardo alpina, frisoa ou das súas cruces entre sí.

A zona de produción de leite baixo esta Denominación de Orixe abarca todos os municipios da comarca da Terra Chá; sendo Vilalba o municipio que posúe un maior número de queixerías produtoras.

O seu proceso de elaboración segue unha longa tradición e distínguese pola súa singular fase de afumado con madeira de bidueiro, que lle outorga o seu particular aroma e cor amarelo característico.

Máis información en: sansimondacosta. com

I.X.P. CAPÓN DE VILALBA

O afamado Capón de Vilalba, con Indicación Xeográfica Protexida (I.X.P.) é un galo doméstico castrado cuxo tamaño e peso supera ao dos galos campeiros normais, chegando a oscilar entre os 3,5 e os 5 kg.

A zona xeográfica para a crianza, sacrificio e procesamiento deste animal baixo a I.X.P. circunscríbese aos municipios que conforman a comarca da Terra Chá.

O nome da I.X.P. correspóndese precisamente con Vilalba por ser o municipio cabeceira da comarca que lle brindou recoñecemento, prestixio e notoriedade a este produto, coa celebración da tradicional Feira do Capón.

Máis información en: capondevilalba.com

ROSCÓN DE VILALBA

Este doce típico de Vilalba elabórase a base de améndoas e distínguese pola súa crocante masa por fóra e tenra por dentro.

A améndoa moída é o principal ingrediente deste peculiar roscón que tamén leva ovo, azucre e limón. Destaca polo seu carácter seco e a súa excepcional conservación e consistencia (entre 5 e 10 días, sen necesidade de reflixeración).

ROSCAS DE SAN RAMÓN

As deliciosas roscas de San Ramón son un doce característico de Vilalba cuxo sabor lembra ao das rosquillas, pero con distinta forma e textura (son máis planas e a súa masa é dura e moi crocante).

A súa elaboración realízase de forma artesanal e os seus ingredientes tradicionais son: ovos, fariña, azucre e un pouco de limón.

POLBO Á FEIRA

O polbo “á feira” é un dos pratos típicos máis coñecidos da gastronomía galega e Vilalba é un magnífico lugar para probalo.

A receita tradicional baséase en cocer o polbo para, despois, trocealo e aderezalo con sal gordo, aceite e picante. Sérvese en pratos de madeira e cómese con escarvadentes, que lle confiren un sabor único.
Na vila celébrase mensualmente unha feira, evento no que o polbo está sempre presente, para o deleite dos asistentes.

O municipio conta tamén con múltiples pulperías, restaurantes e bares que preparan o saboroso polbo “á feira”, así como outras propostas con receitas de polbo máis innovadoras, ás que resulta imposible resistirse.

AS TAPAS VILALBESAS

O tapeo forma parte da cultura galega  é un costume moi arraigado no estilo de vida dos vilalbeses. Combina o comer e o reunirse con amigos nos bares e tabernas da localidade.

As tapas de cociña son un delicioso aperitivo que, polo xeral, serven os hostaleiros de balde para acompañar cada consumición.

Vilalba conta cun gran número de establecementos hostaleiros que preparan boas e variadas tapas; baseadas, principalmente, en receitas da cociña tradicional galega e nas distintas especialidades da casa.

Ademais do tapeo habitual, ao longo do ano organízanse xornadas e rutas de tapas relacionadas cos produtos típicos da zona coma:  Queixo D.O.P. San Simón da Costa (a principios de abril), I.X.P. Capón de Vilalba (a mediados de decembro).