A Galería Do San Ramón
A vivenda situada na rúa Valeriano Valdesuso, nº 2, no concello de Vilalba, provincia de Lugo, presenta un especial interese como vivenda de uso turístico, xa que foi construída no ano 1906 e foi obxecto dunha reforma moi especial, supervisada e controlada polo arquitecto municipal, na que se respectaron os materiais nobres, tanto na súa galería como na fachada e na estrutura xeral do inmoble.
A vivenda está distribuída en dúas plantas:
Na planta baixa (planta 0) atópase a entrada principal. A primeira planta consta dunha cociña, unha zona de lavandaría, un comedor, un salón, unha biblioteca cunha colección de libros que inclúe edicións do ano 1800 e un baño con bañeira.
Na segunda planta sitúanse os tres dormitorios e os dous baños. O dormitorio principal, de uso dobre, dispón de baño privado integrado (en suite). Dos outros dous dormitorios, un ten capacidade para un máximo de dúas persoas e o outro para tres, con tres camas individuais. O dormitorio con baño privado integrado dispón de espazo para unha cama supletoria. Deste xeito, a capacidade máxima da vivenda é de oito persoas.
Tanto a entrada principal da casa como o faiado, situado na cuarta planta, quedan excluídos das zonas destinadas aos hóspedes. A entrada utilízase unicamente como zona de paso e aparcadoiro de bicicletas, que se poden gardar no interior da adega situada debaixo das escaleiras.
A finalidade da vivenda é ofrecerse en réxime de alugueiro íntegro, independentemente de que a estadía sexa dunha persoa ou dun máximo de oito persoas.
O proxecto empresarial tamén contempla a posibilidade de ceder o espazo para sesións fotográficas e eventos de carácter familiar ou profesional. Nestes casos, establécese igualmente un aforo máximo de oito persoas, co fin de preservar o ambiente e garantir o bo estado de conservación do inmoble.
