Arquitectura popular

As cruces vilalbesas

A cultura popular e a mestría dos canteiros da zona deixaron en Vilalba unha fonda pegada de cruceiros nos camiños e atrios do municipio.

Por riba de todos destaca o de Lanzán, sito na parroquia de Tardade, por ser unha das cruces máis decoradas de Galicia. Realizado en granito no ano 1906, na súa base conta con varios releves entre os que se pode observar a Santiago Matamouros e San Roque. O fuste, que porta os elementos da Paixón, ten ao seu pé unha figura do Ecce Homo. Xa no capitel aparecen dúas imaxes franqueando a Cristo crucificado e na parte superior móstrase o conxunto da Piedade.

No centro de Vilalba destaca o cruceiro dos Catro Camiños, cruz de granito que data do 1874. Ten a figura de Cristo no anverso e a da Dolorosa no reverso.

Nos atrios das distintas igrexas parroquiais e nalgún que outro cruce de camiños atopamos o resto de cruceiros vilalbeses, como o de Nete, Codesido, Gondaísque, Santaballa, Xoibán e San Simón. Este último destaca por ser unha das cruces máis antigas da zona, con data do 1793 tal e como consta na súa inscrición. Chama a atención na basa o altar ou pousadoiro de féretros e imaxes, utilizado antano para a celebración de misas no exterior.

 Muíño do Rañego

Froito da tradición agrícola da comarca chairega e do cultivo de cereais en especial, xurden construcións da arquitectura popular tales como o muíño do Rañego, reconstruído no ano 2002